A arte do bordado considérase unha habilidade coa que ornamentar unha superficie flexible (tea) por medio de febras téxtiles. Podemos afirmar que as mulleres foron as primeiras en tecer; mentres facían esta tarefa, acostumaban narrar historias ás meniñas que as axudaban. As mulleres tamén son consideradas as primeiras narradoras da historia por este motivo, e elas crearon expresións actuais como “o desenlace” o “fío” dunha historia, ata a mesma palabra texto provén da mesma palabra que tecido (textus en latín); deixando así, unha pegada no mundo narrativo, sendo este o tema no que se centrará o obradoiro.
A técnica do bordado vincúlase coa época mesopotámica, onde xa se empregaban fíos de ouro e prata para engalanar as roupas máis señoriais.
Os romanos chamaban a esta ornamentación plumarium opus (traballo de plumas), debido á semellanza desta decoración coas plumas das aves. Outra denominación que usaban era opus phrygium (traballo frixio), porque a súa orixe estaba nos frixios (antigo pobo indoeuropeo que se instalou en Anatolia) os cales a transportaban dende Oriente, polo que podemos deducir que esta arte provén de Oriente. Os romanos tamén consideraban que este proceso era similar ao da arte pintada, polo que chamaban ás vestimentas adornadas ou ben túnica picta ou toga picta (túnica pintada), ou ben túnica palmata, aludindo á forma de palmetas con que as decoraban.
O bordado máis antigo conservado é o da tumba do faraón Tutankamón, debido a que non foi saqueada. Os bordados alí encontrados estaban feitos a man, xa que non se empezou a bordar a máquina ata o século XIX.
Un dos maiores avances no bordado foi a utilización dos abelorios de ouro e prata no antigo Exipto. En Europa, a partir da Idade Media, fíxose cada vez máis habitual o uso deste tipo de adobíos entre as clases altas da sociedade.
Algunhas das prendas máis ornamentadas eran as casulas dos cregos, sendo unha das máis salientables a que podemos atopar na catedral de Colonia, confeccionada no 1740 e que, aínda que non é das máis grandes, pesa por volta de 13 quilos.
En total existen máis de vinte tipos de bordados, entre os que destaca o máis popular: o punto de cruz. Este tipo de bordado, é aclamado por moitos bordadores debido á súa sinxeleza e versatilidade.
Para este obradoiro, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria, simularán estar nun fiandón (grupo de mulleres que se reunían a coser e contaban historias). Para isto o alumnado encargado do obradoiro tivo que practicar os diferentes tipos de bordado seguindo as técnicas que plantexaba un libro que a xefa do taller -Conchi- aportou, onde se pode un mergullar no punto de mosca, o punto satén, ou o punto hilván...
Para mellorar aínda máis esta experiencia os pequenos aprendices descubrirán oito tipos de puntadas e con isto poderán bordar os seu propio personaxe, seguindo un modelo do lobo da historia de Carapuchiña vermella, que poderán levar para a casa.
Tras preguntar aos nenos e nenas que pasaron hoxe por este obradoiro, chegamos á conclusión de que supón todo un reto tanto para os integrantes como para os nenos e nenas, aínda que a actividade lles pareceu entretida e divertida. Citando as palabras dun neno de 6ºA: “Non me adicaría a isto, é moi difícil, pero paréceme moi entretido”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario