Como variou a moda ao longo da historia? Hai algunha forma de sabelo? Por fortuna, houbo persoas que inmortalizaron a resposta a estas cuestións, aínda que non fosen conscientes de que o facían. Estamos falando dos e das artistas -pintores/as e escultores/as-.
A tarefa dos integrantes deste obradoiro é a de dar unha explicación do legado da moda ao longo de toda a historia. Explican, a partir dunha escolma de obras, temas como o tipo de pintura que se utiliza para os cadros, as técnicas pictóricas e o contexto histórico de cada un deles, co reto engadido de facelo de forma amena e sinxela, pero formativa, para o alumnado de 3º e 4º de primaria.
Neste traballo inclúense modas como a do Renacemento ou das Vangardas, e explórase o estilo e os cadros de artistas como Van Gogh, Matisse, Renoir, Sorolla (no século XIX) e Lichtenstein (no século XX), a través de carteis que fixeron durante a preparación.
Porén, a principal actividade na que se traballa neste obradoiro é outra, a de elaborar xogos baseados nos estilos e autores da época, onde os nenos e nenas mesturarán os estilos presentes nas obras con roupa da máis rabiosa actualidade, conseguindo un extravagante resultado. O obxectivo principal desta actividade é percibir as diferenzas entre a roupa das distintas épocas. Para isto, elaboran presentacións con carteis sobre cada un dos estilos dos diversos artistas que elixiron, as súas épocas, os seus lugares de procedencia, etc., nunha demostración de grande coñecemento e habilidade.
A sesión comeza coa explicación dos estilos de cada un dos pintores, do máis antigo ao máis moderno. Despois continúa cos intercambios de roupa entre cadros, sendo o máis popular entre os participantes o uso de ceras (aínda que tamén teñen para elixir témperas ou acuarelas). As opcións de cadros que os participantes teñen son a Gioconda, de Da Vinci; as Meninas e o Augador de Sevilla, de Velázquez; e diversas obras de Lichtenstein e Matisse. Mentres os nenos e nenas pintan, o alumnado encargado do obradoiro supervísaos e axuda co que precisan. Cando rematan os cadros, estes son recortados e pegados en cartolinas de diversas cores e nomeados con rotuladores, mencionando ao artista orixinal, con que estilo o vestiron e, obviamente, o nome do neno ou nena que fixo o traballo.
Segundo as declaracións dos asistentes, o obradoiro en xeral foi ben elaborado, cunha idea interesante para eles e, sobre todo, divertido e moi colorido. A parte favorita da maioría dos participantes foi a de cambiar a roupa entre cadros.
Ademais, certos grupos do obradoiro fan outro traballo para o deleite de toda a escola: oito dos participantes do obradoiro pintan por parellas catro segmentos do muro norte da escola co obxectivo de conmemorar o Día das Letras Galegas, homenaxeando a figura de catro cantareiras: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
Quen eran as cantareiras? Pois eran mulleres que cantaban, orixinalmente, en festas de aldeas celebrando o traballo colectivo invernal que realizaban na sociedade agrícola. Tamén eran chamadas pandeireteiras, porque sempre acompañaban o baile de instrumentos de percusión, principalmente a pandeireta. Por culpa da Guerra Civil española e a posguerra deixouse de interpretar a música das cantareiras, ata que entre os anos 70 e os 80 rexurdiron e volveron estenderse por toda Galiza. O exemplo probablemente máis coñecido de novos grupos de pandereteiras e o das Tanxugueiras, pero para que estas (e outras moitas) poidan hoxe en día chegar a todos os rincóns do mundo coa música en galego, previamente tiveron que pelexar as cantareiras homenaxeadas para que esta manifestación cultural tan nosa permanecese viva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario