Os xoguetes son a base do entretemento da xuventude, podería dicirse incluso que son os amigos da rapazada (ata o infinito, e máis aló), pois o vínculo que teñen con estes obxectos inanimados pode chegar a ser tan grande como o que teñen polas compañeiras e compañeiros.
Ao tempo que as novas xeracións cambian, os xoguetes fano con elas: non se parece moito o que entretiña a rapazada hai un século aos xoguetes de hoxe en día.
Como exemplo podemos atopar os trompos -uns obxectos de forma cónica de madeira, coa parte ancha ovalada e a punta, longa, normalmente dalgún metal- aos que se lle ataba un cordel á punta e se facían xirar apoiándoos nunha superficie suficientemente dura e tirando cara arriba, co cal o xoguete comezaba a xirar despois de pegar un chimpo, polo que a rapazada podía, incluso, facer que xirara nas súas mans collendo a peonza no aire. Estes xoguetes aínda existen hoxe en día, pero non teñen o mesmo atractivo para a rapazada actual que, por exemplo, un dron ou un coche a control remoto.
Outro exemplo é o das bonecas e os bonecos, pois soamente cunha imaxe xa se pode distinguir a diferenza entre os antigos e os máis novos: á infancia de fai un tempo nunca se lle ocorrería que hoxe os xoguetes se parezan tanto a un ser humano que incluso coman, caguen ou rían, cousa que fan posibles as novas tecnoloxías.
Disto mesmo trata o obradoiro que organizan Diego e Olalla, das modas nos xoguetes, da súa evolución na historia. Un obradoiro no que se pode aprender sobre un tema que apaixona á xuventude e no que se xoga a máis non poder, moi seriamente.
Tras recibir unha introdución ao tema, divídese o obradoiro en dous grupos, un deles crea ben caleidoscopios ou ben bonecos articulados. Os caleidoscopios os fai segundo de primaria, unindo dous cartóns de forma cilíndrica de modo que imiten un telescopio ou un tubo. A estes tubos que se lle engade un espello disposto en forma triangular na punta, ao que a rapazada engade boliñas de cores, polo que ao facer xirar o cartón coas bolas e o espello xérase o máxico efecto destes xoguetes. Tras ter o xoguete funcional, cada unha e cada un personaliza cadanseu caleidoscopio da maneira que máis lle guste.
Os bonecos articulados, por outra banda, os crea primeiro de primaria unindo con fíos uns cartóns que servirán de corpo, furados na parte inferior para engadir pernas, e na parte superior, nos ombreiros e no pescozo, para engadir brazos e cabeza. Isto permite bonecos de coellos que moven as patas e as orellas. Estas creacións son entregadas ás nenas e aos nenos como agasallo.
Mentres, o outro grupo fai unha visita a un museo creado pola propia rapazada de secundaria, con xoguetes antigos que aportaron tanto os propios integrantes do obradoiro, coma as súas nais e os seus pais, mesmo os propios Diego e Olalla, profesores responsables do obradoiro, ou incluso Noemia, profesora de xeografía e historia de secundaria. De cada xoguete se da a información máis salientable, como pode ser o ano de fabricación, o seu uso ou quen o doou.
Ademais os visitantes reciben información sobre o sexismo presente nos xoguetes e na publicidade que se fai dos mesmos. Por outra banda teñen a ocasión de xogar cos primeiros modelos de diversos xoguetes de tempos remotos, como un hóckey de mesa feito de madeira, un tiracoios, ou cos primeiros modelos dunha carrilana. Despois, faise unha rotación, de xeito que todo o mundo fai todo o proposto neste interactivo obradoiro.
Trátase dun obradoiro que leva ao límite a diversión da rapazada, pois, como dixo unha nena de primeiro, “é moi divertido, paseino moi ben”, e non é o único veredicto que xulga este obradoiro como un no que se pasa especialmente ben.
Entre as actividades preferidas da rapazada atopamos un gran éxito do interesante museo, que abraia, non só ás infantes e aos infantes de primaria, senón a calquera que o vexa; tamén tivo moi boa acollida a creación dos xoguetes: crear o coelliño ou o caleidoscopio móstrase moitas veces como a actividade preferida, destacando a grande aprendizaxe que aporta.
Con todo, queda isto claro: as actividades permiten que rapazada se divirta, ensínanlle como facer un xoguete, e informa sobre un tema sempre capital, e moi serio, na infancia: o xoguete.


Ningún comentario:
Publicar un comentario