venres, 11 de abril de 2025

Despedida e peche

Velaquí xa o final do noso traxecto cultural e xornalístico.


Tras a montaña de artigos publicados, tras todas as teclas soando ao seren pulsadas simulando a choiva que inunda un campo branco, chega o momento no que só se escoita poalla, presaxiando o claro entre as nubes.


Foi unha gran Semana Cultural: os obradoiros deste ano, desta edición, foron todos eles destacables. Houbo diversión (moita) e quilos de información tan prezada como en cada Semana Cultural.


Non houbo ánima neste colexio que pensase nesta semana como unha perda de tempo, pois foi unha experiencia sensacional -repito, como cada edición- presente para sempre nos recordos da rapazada de primaria, ou incluso na de infantil.


Este ano, pois, vólvese demostrar por que é a Semana Cultural unha das efemérides máis importantes na identidade desta escola.


Pero todo ten un final.


Porén, o único que non pode facer o tempo é obrigarnos a esquecer estes fermosos días, ou os escritos nos que tanto nos esmeramos.


Dende os nosos ordenadores invitámosvos a ler os nosos artigos, se non o fixestes xa, e así saber por que esta foi unha semana tan especial.


Despídese, cunha man no teclado, e outra no corazón, o obradoiro de prensa.





Abril en concerto!

Hoxe, venres 11 de Abril, desfrutamos da música en directo do grupo musical Abril. Neste concerto respirouse un ambiente de festa e alegría grazas á musica de Abril e á previa preparación do escenario por parte do profesorado, alumnado e especialistas. 

 

 

As artistas destacaron a participación do público no concerto, facendo este de coro para elas. Antes de cada canción, explicábannos o motivo, o tema e a letra de cada unha delas, coa finalidade de que entenderamos o seu proxecto actual. 

 


Durante a actuación puidemos desfrutar de diversas cancións de variados temas, aínda que todas elas parten da cultura galaico-ibérica, combinando as dúas culturas e linguas.

 

 

En conclusión, os rapaces e rapazas agradeceron saír da rutina e poder escoitar en directo á música de Abril. 

 

Queremos expresar o agradecemento por parte de toda a escola ao grupo Abril por brindarnos a oportunidade de desfrutar canda elas.

As voces da escola

Antigamente, a información chegaba a través de navegantes, mercadores, e tropas do exército e vendíase a señores feudais, grandes negociantes e xefes militares. En Inglaterra, Eduardo III e Enrique VI, tiñan redactores de noticias que lles transmitían valiosa información en tempos de guerra. Estas situacións poderíanse definir como un tipo de xornalismo primitivo.

 

 

O xornalismo, tal e como o coñecemos hoxe, remóntase ao século XV. A aparición da imprenta permitiu o nacemento do xornal, actualmente moi estendido grazas ao crecemento da tecnoloxía e do comercio. A palabra xornalismo toma a súa orixe na palabra xornal, que á súa vez provén do latín diurnal (“do día”). Esta palabra- xornalismo- é a actividade profesional que consiste na obtención, investigación, tratamento, análise  e difusión da información a través dos medios de comunicación. 

 

A base do xornalismo é a noticia, á que se suman outros xéneros xornalísticos como a enquisa, a reportaxe, a crónica, o documental e a opinión. 

 

Durante a Semana Cultural, un grupo de alumnas e alumnos de terceiro e cuarto de ESO quixemos embarcarnos na interesante -pero dura- tarefa de manter informada a toda a comunidade do Martín Codax (e non so) do que se está a cociñar dentro dos muros da escola. Neste obradoiro tratamos de informar empregando diversos xéneros informativos, entre os cales están a noticia e a reportaxe. Aquí organizámonos por parellas e a cada unha delas asígnansenos dous obradoiros sobre os cales temos que investigar, traballar, redactar e publicar, para que todo mundo estea informado do que se fai nesta edición da Semana Cultural do Martín Codax. Para iso visitamos o resto de obradoiros e preparamos os artigos sobre cada un deles, que son posteriormente publicados nun blog público en internet e no Facebook da escola.

 


Na nosa propia opinión é un traballo que require de moito sacrificio, tempo, paciencia e forza de vontade para non tirarse das orellas, pero que á súa vez recompénsase cunha gran satisfacción cando ves os artigos publicados.

 

Esperamos que teñades seguido o noso traballo e que vos entretivese durante todo este tempo. Moitas grazas por estar aí. Ata o ano que ven!

Entrevista: Sofía García Pérez, profesora en prácticas

Sempre está ben pedir axuda a alguén para que nos de a súa opinión dende fóra, xa que ás veces pensamos que o que facemos está moi ben e en realidade é unha chafallada, ou ao contrario. Por iso mesmo decidimos preguntar a Sofía, unha profesora de prácticas que dá clase a primeiro e segundo de primaria e que ademais está vivindo a súa primeira semana cultural e isto é o que nos dixo:


  1. Por que decidiches estudar educación?


Pois decidín estudar educación porque dende sempre quixen ser profe, entón estudiei educación e cando rematei fixen as prácticas e estiven traballando un ano, e como me gustou tanto, decidín seguir investigando o que podía facer e decanteime por primaria, xa que dende pequena poñía os meus xoguetes en fila e explicáballes cousas.


  1. Coñecías a maneira de ensinar deste colexio antes de vir?


Coñecíaa porque toda a miña familia estudou aquí: os meus curmáns os meus irmáns...


  1. E gústache a maneira de ensinar deste cole?


Si, gústame porque é moi diferente a todo aquilo que hai que evitar facer. Aquí teño a oportunidade de poñer en práctica todo que estudei na universidade, e aquí teño a liberdade de probar cousas diferentes, e a axuda das profes que me recomendan o que debo ou non debo facer.


  1. Prefires dar clase aos de primaria ou aos da ESO?


Primaria, se tivese que escoller quedaría con infantil, pero se non os primeiros cursos de primaria, que  é o que máis me gusta.


  1. Cando remates as prácticas gustaríache traballar neste colexio?


Home! Se se pode, oxalá.


  1. Coñecías a semana cultural antes de vir a este colexio?


Coñecíaa de escoitar falar pero é moi diferente a como o contaron, é dicir, é moito máis guai que como cho din. Vivir unha cousa non é o mesmo que contala. A min gústame moito.


  1. Se non estudaches aquí, no teu colexio faciades algunha actividade semellante?


Non, é unha pena porque mola moito, pero non.

 

  1. Que che parece a semana cultural, visto dende fora?


Gústame moito porque ao final podes ver como os nenos e nenas se comportan sen que esteas ti enriba deles, e tamén mola moito ver os maiores como ensinan aos pequenos, e comparten con eles todo o que estiveron a facer. Pero a min gústame moito, é un rollo completamente diferente.


  1. Que cres que pode aportar a semana cultural aos nenos e nenas de primaria?


Eu creo que lles permite a eles ter máis responsabilidade, cousa que é moi boa, e despois  ao final ver maiores non tan maiores, que non son profes pero seguen sendo maiores, darlles clase, mola moito porque poden aprender non só a nivel escolar, senón tamén a nivel de como teño que comportarme, como podo comportarme cos meus amigos  tamén ver un pouco esas relacións que hai entre vós, está moi chulo, entón a eles apórtalles moito.


  1. E aos da ESO?


Si,a vós á parte de ensinar tamén aprendedes moito deles, dos pequechos, e despois tamén eu creo que vos axuda a dicir, “pois gústame dar clase” ou outros que din “non quero tocar a un neno nin cun pau“.


  1. Gústache o tema escollido deste ano? Escollerías outro?


Si, moito, non o sabía e gústame moito, paréceme moi moi moi interesante.

Non, eu creo que está moi guai, aparte ligástes moi ben o que é tema das cantareiras coa moda e con Galiza, a min gústame moito, tamén está moi ben fiado.


  1. Se ti foses a directora farías esta actividade, ou non?


Si, sen lugar a dúbidas, si.

Pois moitas grazas.



Despedida e peche

Velaquí xa o final do noso traxecto cultural e xornalístico. Tras a montaña de artigos publicados, tras todas as teclas soando ao seren puls...