En España, nos últimos anos, aumentou a porcentaxe de persoas e familias que teñen mascotas. As razóns son múltiples. Unha pode ser a causa da pandemia que comezou no 2019, na que a xente nos vimos na obriga de permanecer nas nosas casas, excepto aqueles que tiñan animais, que podían saír a dar pequenos paseos. A xente precisa ter compañía, e sentirse querida. Ademais a nosa sociedade é cada vez máis individualista, e moitas persoas que viven soas tamén deciden ter un animal, unha compañía, alguén a quen amar. Outro motivo son as parellas que, cada vez máis, non queren (ou non poden, por razóns persoais ou médicas) ter fillos, e prefiren adoptar un can ou un gato, cousa que economicamente sae moito máis barata que criar un neno ou nena.
Onte camiñando pola rúa do Príncipe chamounos a atención unha cadela. Tiña unha mecha cor lila nun dos dous chichos con lazos que adornaban a súa cabeza. Tamén levaba un tutú cor rosa fucsia e uns patuquiños brancos con lentexoulas. E vós, que pensades desta moda de vestir os nosos cans e gatiños?
Vestímolos para abrigalos ou para decoralos?
Moita xente pensa que vestimos os animais co fin de abrigalos, mais non sempre é así. Podemos pór de exemplo a cadela que nombráramos anteriormente. Algunhas persoas buscan decoralos, como se fosen persoas, poñéndolles lazos, patucos, saias, garavatas de lazo, pintándolles as uñas, o cabelo, ou facéndolles coletas. En cambio hai xente máis pragmática que os viste con chuvasqueiros para que se mollen o menos posible -e evitar así o consecuente mal olor-.
Neste obradoiro de nenos e nenas de 3º e 4º da ESO están creando roupa, xoguetes e arneses para cans.
Temos diversos grupos: un deles está traballando nunha presentación na que se reflexiona sobre esta recente moda de adquisición de animais. Cuestiónanse se é bo mercar os animais ou é mellor adoptalos, a tolemia por certas razas, a alerxia aos cans, e de como elixir os mellores xoguetes para eles.
Noutro grupo están a fabricar xoguetes por eles mesmos. Teñen diversos tipos.
Un deles son os pompóns, un obxecto que parece moi doado de facer pero que non é. Cando teñen feitos os pompóns convértenos en coellos poñéndolles orellas de feltro.
Outro dos xoguetes é a trenza, para facela e moi sinxelo, collemos sete ou catorce (dependendo do grosor que queiramos conseguir) tiras de trapo en cada un dos tres mechóns da trenza, e con estas tiras comezamos a trenzar.
O último xoguete que están a facer son uns amorodos de feltro. Primeiro marcan nun cartón os patróns de como ten que ser e o que ten que medir a tea, márcana e recórtana para que quede a forma que eles queren. En canto teñen o feltro cortado cóseno e cando rematan collen outro anaco de feltro e fan os sépalos do amorodo.
De roupa fixeron uns smókings con garavata de lazo empregando feltro seguindo un proceso similar ao anterior: toman medidas do can, pasan a un papel as medidas, do papel ao cartón e de aí recortan e cosen as pezas. Deste proceso saen dúas prendas de diferente estilo: unha máis casual e a outra de festa.
Neste obradoiro os nenos e nenas de primaria dixeronnos que o que máis desfrutaron foron os pompóns e as trenzas. Con respecto aos xogos, o que máis éxito tivo foi o memory que fixeron.
Tamén nos dixeron que aprenderon moito acerca das diversas razas de cans e o traballo que pode levar a cabo cada unha delas.



Ningún comentario:
Publicar un comentario