mércores, 9 de abril de 2025

Coco Chanel e a moda libertadora

Quen foi Coco Chanel?


Biografía de Coco Chanel


Coco Chanel foi unha deseñadora francesa excepcional que naceu o 19 de agosto de 1883 e morreu o 10 de xaneiro de 1971 en Francia, vivindo un total de 87 anos. Foi criada nun orfanato de monxas, onde lle ensinaron a coser, o que non supuxo impedimento para ser unha das mulleres máis innovadoras durante a primeira guerra mundial, creando unha liña de roupa informal, sinxela e cómoda. Deseñou bolsos, xoias, sombreiros e perfumes, creando auténticas pezas icónicas da moda, levando a cabo unha revolución no mundo da moda. Liberou as mulleres do corsé.


Algúns dos deseños máis destacados son:


Traxe tweed 

Un traxe feminino feito dun tecido escocés de la creado no 1925. Destaca pola súa saia recta, o saco sen colo, con catro petos frontais e sen as típicas ombreiras nin pinzas na zona do busto. Este traxe supuxo un cambio na vestimenta da muller pasando de levar roupa ríxida a lucir elegancia pero sen perder comodidade.




Little black dress (petite robe noir)

Este traxe negro cambiou a maneira de pensar da sociedade sobre a cor negra, sendo unha cor simple e ao mesmo tempo elegante, en vez dunha cor de loito, demostrando que non se precisa moita cor ou volume para expresar o bo gusto en calquera ocasión. 




Bolso 2.55

En febreiro de 1955 Coco Chanel lanzou o primeiro bolso para muller que se cargaba do ombro rompendo os esquemas daquela época e liberando as mans da muller.




Estas prendas axudaron en certa medida á liberación da muller, mais isto non foi o único que fixo. Contribuíu enormemente a cambiar o papel da muller na súa época, mesturando o armario masculino e o feminino, liberando a silueta da muller e adaptando as prendas ao corpo feminino. Neste proceso tamén popularizou o corte de pelo masculino.


Coco Chanel rompeu esquemas deseñando roupa para, no futuro, incorporar as mulleres ao mundo laboral sendo, ela mesma, unha das primeiras mulleres empresarias da historia, e tamén xeralizou o ton moreno de pel, conseguindo que fose un sinónimo de glamour e modernidade.


Outras contribucións importantes que fixo Coco Chanel foi defender a liberdade de amar a quen se quixese sen importar o xénero e a clase social, como expresou en múltiples ocasións, así como a incorporación da bixutería ás diversas clases sociais.


Este é o tema que se trata no obradoiro dirixido por Mari Paz, a nosa profesora de francés. No seu atelier os nenos e nenas poden ver un mural e un vídeo sobre Coco Chanel, ilustrando os diversos puntos mencionados neste artigo explicado polo alumnado de ESO; ademais os nenos e nenas poden deseñar roupa ao estilo de Coco Chanel grazas a distintos modelos de roupa feitos en papel que lles serven para debuxar as prendas, podendo vestir as tradicionais bonecas de papel como máis lles guste. Tamén poden fabricar os seus propios accesorios, como a típica camelia da Maison Chanel, en papel ou cartolina de cores, e ao final de todo, desfrutarán dun breve documental para nenos no cal se relata a vida de Coco Chanel.




En conclusión os nenos e nenas de segundo relatan esta experiencia como moi positiva, xa que aprenden moitas cousas, como, por exemplo a facer paxaritas de papel ou quen foi Coco Chanel.


Os nenos e nenas de primeiro califican esta experiencia cun sólido 10/10. Encántalles aprender como facer unha camelia de papel e como pintar roupa para as bonecas de papel.


Grazas pola vosa atención, dende o obradoiro de periodismo esperamos que o desfrutedes. 


A moda a través da arte

Como vestía a xente en épocas anteriores á nosa? Como de cómodas eran as roupaxes romanas? E as gregas? E as exipcias? Como se peiteaban? Como se maquillaban? Que xoias levaban? Que produtos utilizaban? Estas son algunhas das preguntas que nos facemos, e pronto coñeceremos as súas respostas.


Este obradoiro, como o seu propio nome indica, trata de entender a evolución da moda a través dos cadros, pinturas e obras de arte de diferentes séculos, buscando as características de cada época a través do vestiario, da forma de maquillarse, do peiteado, etc.


Este traballo está dirixido aos nenos e nenas de primeiro e segundo de primaria, un público bastante complicado polos seus reducidos tempos de atención, pero os encargados do obradoiro están seguros de que con esforzo e as técnicas axeitadas todo é posible.


Nas primeiras sesións de traballo formaron distintos grupos nos que fixeron unha chuvia de ideas para buscar actividades concretas para o alumnado ao que vai dirixido. Pretenden ensinar a súa información de maneira práctica, dinámica e divertida, con crebacabezas, xogos de mesa e presentacións coloridas e animadas. Incluso deron a idea de facer un desfile de moda coas tendencias desas épocas! Incrible, verdade?


Para o inicio deste marabilloso obradoiro un grupo encargarase da súa presentación, na que utilizarán unha liña temporal coa que darán o contexto teórico sobre todas as obras de arte coas que se traballa no taller.


Hai dous xogos de mesa plantexados: uns cantos crebacabezas e un trivial.


Nos crebacabezas o obxectivo é xuntar pezas con formas diferentes para dar lugar a varios cadros, como o Matrimonio Arnolfini de Jan Van Eyck ou a Infanta Isabel de Alonso Sánchez Coello.




No trivial, o xogo consiste en mirar un cadro durante un tempo determinado e despois describilo e contar -recordar- algúns dos seus detalles, ofrecidos ao principio da sesión; se se acerta, os xogadores poderán seguir avanzando polo taboleiro. 

 

Outro grupo encárgase de crear versións modernas de xoias antigas atopadas na tumba de Tutankamón, como medallóns con escaravellos deseñados por eles mesmos, que o alumnado de primaria completará usando pequenas contas -macarróns- coloridas para facer colares que poidan levar para casa; tamén deseñan coroas, baseadas en xoias medievais de ouro, feitas de gomaeva, por exemplo.


Por último, un grupo deseñou un xogo interactivo que consiste en que os participantes deben vestirse nun tempo determinado con roupa da época que se lles diga, cando ese tempo remate, os cativos desfilarán por unha pasarela mostrando os seus conxuntos uns aos outros. O alumnado que fai a actividade cose e deseña a roupa e os accesorios para o xogo, mentres que tamén proporcionan aos participantes fotos e cadros da época da que se lles dixo que tiñan que vestirse, para que os poidan utilizar como inspiración.

 

Polo que podemos ver nestes momentos, o obradoiro esta dando bastante xogo a todos, tanto os que o organizan como os que asisten a el o están desfrutando a moreas! 

 

“Está saíndo moi ben, está sendo un éxito, os pobres nenos acaban cansos de tanto xogar” di Vane, unha das profesoras que organiza as actividades, e parece ser que os seus traballadores están dacordo con ela: “Está saíndo ben, aos nenos lles custa entender as cousas ao principio, pero aprenden rápido” di un deles; e por último aos propios rapaces e rapazas de primaria lles gusta un montón: “É moi divertido, o que máis me gusta é o de desfilar na pasarela”.

Cara un mundo circular!

Se viaxamos cara ao pasado, como se fósemos arqueólogos, podemos reconstruír mundos pretéritos a partir da interpretación dos obxectos que imos atopando en xacementos de todo tipo. Grazas ao estudo de enterramentos antigos, de lugares onde ocorreron grandes batallas ou de construcións doutros tempos, sabemos de onde vimos, e podemos pensar cara a onde imos.


Que pensarán de nós os arqueólogos do futuro? A nosa sociedade produce unha cantidade inxente de produtos que a miúdo rematan en vertedoiros -legais ou ilegais-, no medio do campo, ou no fondo do mar. Plásticos, produtos tecnolóxicos, restos alimentarios, mobles, vehículos e un longo etcétera. E unha das industrias que produce máis desfeitos é a téxtil.



O cambio climático esta moi presente na ciencia actual e xa están a ser investigados os problemas que causan os restos da industria téxtil. En 2020 producíronse 109 millóns de toneladas métricas de residuos téxtiles, e para o 2030 espérase que aumente a 145 millóns; esta é a razón pola que se buscou unha solución para reducir este tipo de residuos no mundo: a reciclaxe.

 

A reciclaxe é un proceso cuxo obxectivo é converter residuos en novos produtos para reducir o consumo de nova materia prima, e o uso de enerxía e a consecuente contaminación do medio ambiente.

 

Debido a esta situación problemática cos residuos, na escola creouse un grupo que pretende concienciar e ensinar sobre a reciclaxe de roupa, gorros e gorras e tamén bolsas.

 

Para traballar sobre isto van facerse tres actividades:

 

A primeira consiste en coller roupa e reutilizala, e con ela van crear a súa propia marca de roupa á última, pero sostible.



A segunda trátase de facer uns xogos aos cativos cos que poidan aprender ademais de divertirse, estes son: un trivial, no cal aprenderán cousas curiosas sobre a reciclaxe da roupa. Unha oca na que aprenderán as consecuencias da moda rápida. un memory de prendas de roupa e unha explicación do percorrido da roupa nun mural; os problemas que causa e como evitalos.

 

A terceira trata de usar a chamada técnica do Tie Dye: a cal consiste en tinguir as prendas de roupa de fibras naturais cun tinte creando así formas e cores.



 

Todo isto faise para que os cativos tomen conciencia e aprendan a dar unha nova vida á roupa que xa non usan. O plan para facer isto é o seguinte: primeiro van mostrar unha presentación tentando aclarar a importancia de reciclar e preservar o medio ambiente; a continuación van xogar aos catro xogos creados a partir de prendas recicladas, e para rematar repartiranlles aos nenos e nenas camisetas ou bolsas feitas con roupa reciclada co logo da súa propia marca que poderán tinguir.

 

Este obradoiro vai dirixido aos nenos e nenas de quinto e sexto de primaria. Para facerlles reflexionar sobre a importancia da reciclaxe en xeral, e do téxtil en particular.

 

O obxectivo parece que se está a conseguir, vendo o que nos transmiten os rapaces e rapazas que saen desta actividade: gústalles especialmente o labor de tinguir roupa coa técnica do Tie Dye, ademais de que realmente amosan unha concienciación crecente co tema da reciclaxe.



Ante a pregunta de que aprenderon neste obradoiro, eles e elas responden: “Aprendemos a reutilizar a roupa e a darlle unha segunda vida, e que se poden facer cousas moi útiles coa roupa vella”, ademais de sairen moi concienciados ante a crise medioambiental que está a suceder por mor destes residuos. 

De fiandeiras a influencers

Falemos un pouco sobre o nome deste obradoiro. Calquera persoa do século XXI sabe que é un influencer, pero quizais non todo o mundo saiba que é unha fiada ou un  fiadeiro. Antigamente as mozas e mozos reuníanse nas longas noites de inverno para fiar o liño, é dicir, para converter unha simple herba nun fío que permita confeccionar roupa. Nestas xuntanzas contábanse contos, cantábanse cancións tradicionais e rematábanse cun baile. Co tempo, o traballo de fiar foise perdendo, pero o costume lúdico desas reunións á noitiña mantivose no tempo e así xurdiron as foliadas, onde o ritmo de pandeiros e pandeiretas é protagonista.

Tradicionalmente os fiadeiros comezaban o día de Todos os Santos e remataba co Martes de Entroido.

 

Calquera que camiñe polo mundo cos ollos abertos e cunha mínima capacidade crítica pode darse conta de que os valores estéticos son cíclicos, van e volven. Un claro exemplo disto podemos atopalo no ancho das perneiras dos pantalóns, pitillo ou campana segundo as épocas; o retorno das boinas; os estampados que voltan, como o estampado de cadros ou o animal print.

 

Se falamos de traxe tradicional, no caso da cultura galega, todo o mundo é capaz de imaxinar de que se trata: esa roupa que se usaba por toda a xeografía galega durante o século XIX e que actualmente podemos observar en actuacións e recreacións de grupos folclóricos ou etnográficos. Ben diferente era aquela forma de vestir á que temos hoxe en día. Pero non todo vai ser un extremo ou o contrario. Tanto na vestimenta como noutros aspectos da cultura galega, vivimos un momento en que se está a misturar a cultura tradicional coa vida moderna. Trátase da corrente comunmente coñecida como neotradi, que nos permite desfrutar de todo o que gusta da vida moderna sen perder de vista o noso pasado cultural. Para adentrármonos un pouco máis no neotradi imos falarvos de algunhas tendas que venden roupa e accesorios baseados na roupa tradicional galega:



En primeiro lugar imos falar do Obradoiro de Costura Saiáns, dirixido por Patricia González Iglesias. Neste orixinal proxecto atoparemos roupa de todo tipo, dende gorras ata saias, camisas ou pantalóns. Aínda que se trata dun pequeno obradoiro de costura, as prendas que de aí saíron puideron verse en actos tan exclusivos como pode ser a gala dos premios Goya ou outros actos institucionais onde persoas recoñecidas da sociedade galega luciron con orgullo as súas prendas.


Outra tenda neste caso de xoiería con estilo neotradi é Silvereira, onde teñen xoias de prata e madeira, fundada no ano 2000 en Santiago de Compostela por Juan, Marta, Carlos, Sara e Jose. Teñen xoias inspiradas na xoaiaría tradicional galega ou nos estampados dos panos tradicionais.

 

A última empresa da que vos imos falar seguindo a temática neotradi é a de Eferro, dirixida actualmente por Elena Ferro, pero cunha traxectoria de varias xeracións. Este proxecto nace dun pequeno taller de construción de zocos que conseguiu reinventar este calzado nun momento en que estaba condenado á desaparición, para crear obxectos de deseños moi novidosos que poden ser vistos tanto na rúa a diario como en pasarelas de moda. Esta empresa recibiu o Premio Nacional de Artesanía en 2019.

 

Pois no colexio Martín Codax non iamos ser menos: a nós tamén nos gusta a roupa tradicional, e queremos darlle unha visión nova, diferente, orixinal...  diso precisamente trata o obradoiro dirixido por Iria e Jorge, profesores do primeiro ciclo de secundaria. É un obradoiro que nos fala sobre como a roupa tradicional galega se pode traer a actualidade.   


A preparación deste Obradoiro consistiu en varios grupos facendo diversas actividades. Un grupo de rapazas e rapaces de 1º e 2º de ESO preparou unha presentación sobre a moda antiga, tanto masculina como feminina. Cóntannos como eran as prendas máis recoñecidas na muller: o dengue, o mandil, a cofia, ou o xustillo. 

En canto ao home, fálannos da camisa, a cirola, o chaleco, as chaquetas ou a monteira. 

 

Hai outro grupo, tamén dos mesmos cursos, recortando os bonecos  de cartón para que os nenos poidan pintar e debuxar a roupa que ten que ter inspiración tradicional. Estes bonecos irán para a casa de cada neno ou nena que visite a actividade.


 

Outra actividade que se pretende facer no obradoiro é unha especie de desfile, vestindo os nenos e nenas de primaria con roupa que fixeron.



O obradoiro remata cun baile galego que lles ensinan aos nenos e todos e todas o bailan.

 

Aos nenos e nenas de primaria gústalles moito este obradoiro. En xeral o que máis lles gustou foi o desfile dos nenos, nos que se vestían con prendas como o dengue; tamén houbo moitos nenos que nos dixeron que o mellor foi cando debuxaron a roupa dos bonecos de cartón (os cales levan para casa).

Sobre o que aprenden o máis repetido por eles e elas son os nomes e o tacto das teas.

A tecnoloxía dos teares

Antes da creación dos teares, as persoas tiñan que valerse da caza, concretamente das peles dos animais para fabricar as prendas de roupa que ían usar; depender da caza de animais tiña certas limitacións, xa que se se pasaban cazando non quedarían animais. Ao inventarense os teares, a caza deixouse, en boa parte, de lado como maneira de fabricar vestimentas, e comezaron a usarse as teas, que eran materiais máis sostibles.

 

Na aula de tecnoloxía sempre se levan á práctica proxectos dos máis variados tipos, dende facer un coche funcional co seu motor e o seu sistema de cableado; unha estrutura de forma triangular composta por tubiños de papel (un material feble, en principio) co propósito de aguantar o máximo peso posible; un guindastre feito con madeira e pedras (para facer de contrapeso) que ten que erguer 1.75 kg; e un longo etcétera. Este ano na semana cultural non vai ser menos: Rosiña e o seu alumnado de primeiro e segundo de ESO ofrécennos falar dun tema moi interesante, os tecidos e os instrumentos cos que se tecen.

 

O equipo está formado por un grupo de alumnos e alumnas que non se coñecen moi ben, e para traballaren xuntos téñense que coñecer entre eles, xa que traballar con alguén que non coñeces pode chegar a ser difícil. Rosiña arranxa este problema facendo unha serie de dinámicas onde o alumnado (moi disposto a participar) comparte afeccións, comidas favoritas, ou preguntas simples, todo isto co propósito de coñecer o grupo e establecer un ambiente de confianza entre compañeiras e compañeiros. Despois dun tempo con estas dinámicas, crearon os grupos de traballo e puxéronse mans á obra.

 

Para tecer temos que ter teares, e para ter teares precisamos fabricalos.

 

Os rapaces e rapazas comezaron a construír uns teares de madeira, os cales queren utilizar para fabricar obxectos variados con fíos, como bolsos para levar as pertenzas, cadros para decorar calquera muro da nosa casa, ou marcapáxinas para que non perdamos en que parte do libro estamos. Tamén mercaron una máquina chamada “Tricotín”, que lles axuda á creación duns churriños también feitos de fíos.

 

 

Pero en primeiro lugar, como construíron estes teares? Pois simplemente cuns poucos materiais  e moita maña. A base dos teares é a madeira, que miden, cortan e lixan para crear o marco inicial; repetirán este proceso para crear un segundo marco onde van os cravos, que cumpren a función de suxeitar uns fíos que posteriormente serán unha peza clave para a creación dos obxectos de la.

 

E que crean? Pois un abano de obxectos feitos para que os rapaces os leven para a súa casa. Van dende sinxelos adornos ata outros un pouco máis complexos de crear. No primeiro dos casos podemos atopar os clásicos pompóns, feitos enroscando fíos ao redor de dous cartóns circulares; cando os tes cubertos córtanse pola metade e voilà, xa tes o pompón. Por outra banda, fan uns cadros de fíos. Para a súa creación, vaise capa por capa utilizando varias cores para dar forma ao cadro, que representa escenas naturais, como por exemplo unha paixase montañosa; e para rematar créanse nomes coa axuda do tricotín e os seus churriños, nos cales meterán arame e moldearanos para poder facelos. 

 


A diversión e o bo trato están moi presentes no Obradoiro: o alumnado desfruta moito co traballo manual e a manipulación de materiais. Ao traballaren en grupos máis pequenos pódense facer máis cousas e axúdanse entre eles, o bo trato non é so entre eles, se non tamén co material que lles subministra Rosiña, que o coidan e usan con moito agarimo.

 

 

Como podemos ver, o uso da tea non se limita só ás prendas: pódese usar para máis cousas como os pompóns, os cadros e os nomes feitos con la. Isto é algo creativo e definitivamente moi interesante, que o alumnado poida usar os teares (coa axuda dos responsables do obradoiro) para que o obradoiro sexa una experiencia gratificante para o alumnado.

 

Á saída deste obradoiro, o equipo de prensa achegouse aos nenos para saber sobre a súa experiencia e opinión. Preguntamos se lles gustou e por que; que opinión tiñan da profesora e alumnos que traballan neste obradoiro; que lles aportou; ou se repitirían.

Estas preguntas foron respondidas por dous alumnos de cuarto de primaria. O primeiro alumno tivo unha experiencia positiva, destacando unha forma de explicar clara, detallada e con sumo coidado do alumnado de ESO cara ao alumnado de primaria; por outra banda este rapaz tamén destacou a creación de pompóns. A segunda alumna sacou conclusións moi similares, esta vez destacando as manualidades en xeral e a axuda que proporciona o alumnado de ESO para a creación dos obxectos feitos de la, que era unha das actividades máis difíciles. Ambos rapaces concluíron que a experiencia era moi gratificante e que a repetirían se tivesen a oportunidade.  

Cantareiras e moda

A quen non lle gusta que lle conten historias? Todos medramos con elas, de pequenos eran contos como o de Carapuchiña Vermella, os Tres Porquiños, o Patiño Feo, etc. As historias son necesarias na nosa vida, axúdannos a viaxar por outros mundos e a traballar a nosa imaxinación, a medrar. 

O teatro tamén conta historias, historias emocionantes, tristes, cómicas… de todo tipo; historias reais, historias inventadas, historias diferentes. Que tal un obradoiro de teatro entón? Un obradoiro no que a xente poida divertirse e xogar os roles dos diferentes personaxes á vez que entreteñen o seu público, un obradoiro no que descubras mundos e maneiras de pensar distintas. Este obradoiro trata diso, de contar unha historia de maneira excepcional.

Este estupendo elenco de actores e actrices traballa a dramaturxia na escola: os seus integrantes están a facer unha obra de teatro. O texto podémosllo agradecer á nosa estupenda coordinadora de dramatización, Alicia Ojea, quen pasou o traballo de analizar e coñecer cada un dos integrantes do obradoiro para adaptar a obra de maneira correcta e equitativa. Tamén se fixo cargo dun traballo moi importante, xa que para facer unha representación antes hai que traballar diversos aspectos relacionados co corpo, a voz e a concentración:

Alicia elaborou diferentes xogos e exercicios para traballar todos estes aspectos, como conversas sobre a marcha para aprender a improvisar, recitar frases longas e complicadas mentres un se move polo espazo, maneiras de perder a vergoña e moito máis.

 

Non cómpre dicir como (un bo xornalista nunca revela as súas fontes) pero conseguimos unha copia do incrible guión da obra. Aínda que é posible que a versión definitiva presente algún cambio, xa temos unha idea xeral do que vai ser a peza teatral. Polo que puidemos saber, a representación trata sobre uns adolescentes que van a ir a un concerto das Fillas de Cassandra e queren ir á moda; acaban desviándose do tema e comezan a falar sobre as Cantareiras, ás que lles adicamos o Día das Letras Galegas este ano. Para informarse sobre elas, buscan en internet. De súpeto, aparecen unhas IA’s que non rematan de ofrecer unha información axeitada ao seu propósito. Podemos ver aquí unha crítica ao modo en que funciona o mundo das tecnoloxías?



Toda vez que os actores e actrices saben de que vai a cousa, só lles queda practicar, practicar e practicar! Alicia corrixe os erros e os despistes, centrándose en que a obra sexa a mellor das mellores, utilizando o atrezzo axeitado, a vestimenta correcta e os movementos perfectos polo escenario, deixando que os representantes lle dean o seu toque persoal.




Sabedes que? A obra é un éxito! Conseguen manter a atención da rapazada de primaria, e ainda que ás veces xorde algún que outro problema técnico, sácanno adiante e todo sae como fora previsto. Pódese ver o desfrute tanto do público como dos actores e actrices nas súas caras, en como fan as cousas, en como interactúan entre eles… Todo sae ben. 


Preguntamos as persoas que participan no obradoiro -dirección, espectadores e actores- e isto foi o que nos dixeron:

 

“Ben, estupendos, déronme moito traballo pero polo demáis saiu moi ben” di Alicia, a directora da obra.

 

Dani, un dos actores, asegura: “É a obra máis difícil que fixen na miña vida”; e Sabela, outra actriz, opina: “Estivo ben, é divertida, está organizada e ben repartida”.

 

Unha profesora -Ruth- que asistiu á representación di que a obra é “espectacular, fora do normal, non chorei porque levaba o ollo pintado, senón miña nai!”

 

Por último, a rapazada contounos a súa opinión: “É moi boa”, “Foi chula e interesante”, “Mola moito”.

 

Parece que está causando moi boa impresión. Gran traballo!

Un mundo de modas

Segundo a Real Academia Galega, a moda é o “uso ou estilo que manifesta a aceptación dunha determinada maneira de vivir, expresarse, vestir etc., por parte dun grupo máis ou menos numeroso, nun determinado momento ou época”. E precisamente diso trata esta Semana Cultural: das distintas maneiras de expresarse que hai no mundo, e nesta escola, todas elas variadas e únicas, todas elas merecedoras de ser contadas.


As modas levan existindo tanto tempo coma o ser humano, levan convivindo en harmonía connosco dende sempre, xa que todo, dalgunha maneira, son modas. Imos explicarnos.


No sector automobilístico, que goza de amantes por todo o mundo, marcou tendencia durante un tempo, por exemplo, a pintura mate, con innovadores tons; outro exemplo sería a moda do tunning, cando os coches levaban aleróns e outros adornos, querendo imitar a estética dos coches de carreira. E, cal é a moda actual? Hoxe en día atopamos aos coches poligonais que tan futuristas son á vista, como os famosos Tesla; ou, xa que de futuro falamos, os neo-retro, coches de natureza antiga combinada con estilo da vanguardia tecnolóxica; ou mesmo os SUV, que están tendo o seu momento de gloria, coches grandes, familiares, que ofrecen comodidade e confort non só á condutora ou condutor, senón tamén á xente que leve no seu coche.




E, que pasa se buscamos modas ou tendencias no cine? Pois atoparemos que os diferentes xéneros cinematográficos teñen cada un cadanseu momento de gloria. Como mostra de esto pensemos na época na que Psicosis creou o xénero slasher, nas que un asasino remata coa vida de adolescentes incautos; máis recente é o auxe que lograron as películas de superheroes, películas onde un malo malísimo pelexa contra un bo boísimo, (normalmente de orixe estadounidense), gañando sempre este último; ou o xénero aínda máis recente das películas distópicas, de temas variados, que buscan a representación de mundos sen esperanza nun futuro apocalíptico.




Cando pensamos en música, é indiscutible que houbo un grande cambio entre épocas: nos 60 houbo moita música de protesta, con cantantes como Bob Dylan ou John Lennon; despois, nos 70, outro galo cantou, un máis rockeiro, con grupos como Led Zeppelin; tras estes, nos 80, a música chamada punk tivo o seu momento de gloria, con xente como os Sex Pistols; ata chegar á música disco dos anos 90; ou posteriormente á latina, ao reggaetón, e á urbana, con fenómenos máis ou menos actuais como o rap e, en maior medida, o trap. Cada época ten a súa banda sonora de moda, dominante. 


 Bob Dylan
 Led Zeppelin
 Sex Pistols


E, se imos a un sector distinto, se miramos cara os videoxogos, veremos, así mesmo, modas, tendencias, nos distintos xéneros. Poñamos como exemplo os shooter en primeira persoa. Estes xogos estiveron moi de moda na década dos 2000 en adiante, marcados polo éxito de Call of Duty ou Medal of Honor, revolucionarios na súa época; ou atopamos os mundos abertos que tanto popularizou a saga GTA e que define a tendencia actual das grandes producións.



Pensamos, entón, nos móbiles, e non moito teremos que buscar: o smartphone leva xa un tempo marcando tendencia, cunha potente cámara e un grande tamaño; grande tamaño que non buscaban os teléfonos móbiles antigos, estes pretendían precisamente ser pequenos e sinxelamente portables, primaban a comodidade de poder levar sempre 

o móbil, por máis pequeno  que fora o peto, en lugar da versatilidade que propoñen os smartphones.

Incluso á hora de construír as casas nas que hoxe vivimos hai unha tendencia marcada: a das casas minimalistas de cor banco, cúbicas, que hoxe impregnan toda a paixase das cidades; ou o aumento de casas intelixentes, que nin se imaxinaban nos 2000. 




Con isto seguramente xa estará clara unha cousa, en calquera lugar no que miremos con detemento hai modas, hai tendencias marcadas polo éxito de quen as impulsou.

Nesta Semana Cultural a maioría de obradoiros basearanse na moda téxtil, pero tamén agocha sorpresas algún obradoiro que outro. O que é seguro é que o alumnado de primaria o vai pasar en grande e vai aprender un montón, como cada ano, sexa o tema que sexa, cun enfoque fundamentalmente práctico e interactivo, no noso fogar, a escola Martín Códax.


En conclusión, esta Semana Cultural representa a natureza humana mesma, porque as modas son intrínsecas á nosa maneira de pensar, e calquera de nós pode ter claro que esta vai ser unha semana para non esquecer.


Despedida e peche

Velaquí xa o final do noso traxecto cultural e xornalístico. Tras a montaña de artigos publicados, tras todas as teclas soando ao seren puls...