As matemáticas son clave no noso día a día, atopámolas ao facer unha pizza, cando queremos dividila en porcións, cando queremos ir ao supermercado e pagar a conta, se temos que colocar un moble con certa simetría...
O certo é que, ao observarmos a nosa realidade, atopamos matemáticas en calquera lugar, incluso na arte.
Por exemplo, algunha vez escoitaches falar da proporción en dous terzos? O máis probable é que a vosa resposta sexa NON. Porén, o seu uso atópase por todas partes: na natureza, por exemplo, na forma que as cunchas dos caracois nacen, ou como se dispoñen os pétalos dunha rosa; tamén na fotografía, onde ditamina o encadre dunha foto; ou na pintura, pois a Gioconda mesma fai uso desta proporción matemática.
A proporción en dous terzos nace da teoría do número áureo, que orixina a espiral áurea e o rectángulo áureo. Esta teoría matemática di que todo o que cumpra as medidas do rectángulo áureo será claro exemplo de beleza.
E quen máis ten que manexala son as e os modistos que a usan para atopar a beleza e a harmonía nas súas prendas. Todo na moda téxtil está baseado nas matemáticas, como a tallaxe ou a cantidade de tea.
Pero, como se aproveitan as matemáticas realmente neste campo? Para responder a esta pregunta contamos co obradoiro de Mar, cuxa esperanza é a de concienciar a rapazada dunha cousa: en todas partes hai matemáticas.
O alumnado de E.S.O. está levando un obradoiro que non deixa indiferente a ninguén; a súa intención é a de informar e, ao mesmo tempo, que as nenas e nenos se leven uns recordos ás súas casas, un par de manualidades.
Organizados por grupos, as nenas e nenos encargados da creación do obradoiro divídense o traballo de tal maneira que todo o mundo está ocupado con algo. O proceso de preparación do seu obradoiro baséase na utilización das matemáticas incluso antes de que o alumnado de primaria poña un pé dentro da aula. Dende cálculos coa tea que precisan para as súas actividades ata as interesantes proporcións do sistema de tallaxe, que naceu nada máis e nada menos que no século XVI, e renovouse posteriormente varias veces, a última no 2007.
Os cinco grupos, así mesmo, poderíanse dividir en dúas seccións: os informativos e os interactivos.
Hai dous grupos que buscan informar: o primeiro busca mostrar aos nenos a evolución da roupa en tres distintos deportes, a paralela evolución das súas tallas coas do resto de roupa ou os seus tecidos. O segundo grupo vai traballar cun enfoque máis mixto, que aspira a esclarecer o complexo sistema de tallaxe do calzado e da roupa. Intentan ensinar aos nenos canto ten que medir un pé para levar, por exemplo, un 35, ou como son os distintos sistemas de tallaxe existentes; pero á vez fan xogos cos nenos e nenas, coma un co que aprenden novos lazos do zapato, ou un no que adiviñan países pola súa bandeira.
Por outra banda temos os grupos que van facer cousas máis manipulativas: un deles ten pensado ensinar a todas e todos a facer a súa inicial nun cadro mediante a utilización do punto de cruz; outro busca que fagan distintos trazos de punto, dende unha liña máis sinxela ata un complexo zigzag; e o último deles ensina a facer garavatas, garavatas de lazo, traxes ou vestidos, mediante a utilización da técnica da papiroflexia.
O que é seguro é que o obradoiro de Mar ensina a quenquera que pase por el, pois toda a rapazada entrevistada declara ter aprendido moitas cousas, por exemplo a facer punto, novas maneiras de atar os cordóns e a familiarizarse coa papiroflexia; pero tamén son todas tan divertidas que a rapazada que pasa pola clase non pode decidirse por cal é a mellor, pois mentres para algúns a súa actividade preferida é “a camiseta de papel”, para outras é “o xogo das bandeiras”. Sumado a isto, a ninguén se lle escoitou dicir que fose aburrido.
En definitiva, este obradoiro xunta a ensinanza teórica con traballos de corte máis manual e creativo. Pásase en grande ao tempo que se aprende unha chea de cousas. E ademais, os seus bordados e manualidades de papel axudarán á rapazada a lembrar que en todo hai matemáticas, que todo é matemáticas.


Ningún comentario:
Publicar un comentario