xoves, 10 de abril de 2025

Moda e identidade

Se nos remontamos á antigüdade, a vestimenta permitía diferenciar as clases sociais pola roupa que levaban, que indicaba o seu estatus, a súa riqueza. Hoxe en día sucede algo moi parecido, dependendo de como vaiamos vestidos a xente pode sacar conclusións sobre a nosa forma de ser, o noso carácter, os nosos gustos ou a nosa procedencia.

 

Por todo isto, este obradoiro o que busca é que a xente sexa consciente da dependencia que temos da nosa apariencia e pretende que sexamos un pouco máis libres á hora de escoller como vestimos.

 

En que afecta a moda á identidade persoal dos nenos e nenas preadolescentes? Os integrantes deste obradoiro están a tratar un tema moi interesante que nos atinxe a todas e todos nunha etapa crucial das nosas vidas. A moda converteuse nun símbolo de identidade e personalidade da xente; a nosa maneira de vestir dá unha idea de como somos e de cales son os nosos gustos.

 

Este grupo de traballo vai tentar desenvolver un debate a partir do plantexamento de distintas situacións que eles deseñaron tras unha enquisa feita na escola. Estas situacións de partida poden ser recoñecibles por calquera que pasara por unha escola. A chegada dun novo compañeiro, por exemplo. O que buscan é que as nenas e nenos intenten comprender que calquera persoa pode vestirse como desexe e hai que respectala; deste xeito poderán saber como afecta a moda á identidade en distintos ámbitos, tanto escolares como de fóra da escola.  Algúns destes temas de debate que plantexan son:

 

-A elección dun agasallo: é un tema de interese para todos nós. Como escollemos un agasallo para asegurarnos de que lle vai gustar a outra persoa.

 

-Un desfile escolar: para visibilizar a importancia de que todo o mundo vista como queira deixando atrás os prexuízos.

 

-Tendencias e valores familiares: consiste en representar a través dunha pequena representación teatral os conflitos que xorden no seo da familia por cuestións da roupa desexada por uns e outros.

 

-Unha nova alumna chega ao colexio: esta situación é moi habitual, un tema que xera moita preocupación entre os e as estudantes que chegan a unha escola nova, non coñecen ninguén, e poden recibir críticas polo seu xeito de vestir e de ser.

 

-O influencer da aula: con esta curta fálanos dun alumno que é acosado polo influencer da aula a causa da súa forma de vestir.

 

-O grupo escolar e as marcas: é un tema moi relevante na actualidade xa que é unha nova maneira de medir a nosa capacidade económica xa que este tipo de roupa adoita ser especialmente cara. Vivimos nunha sociedade clasista?

 

O resultado deste obradoiro é aberto xa que se plantexa en forma de debate co alumnado, creando así un traballo de reflexión e improvisación cos nenos e nenas. Con isto búscase que os pequenos se dean conta da importancia da imaxe persoal e o respecto cara aos e ás demais para que todo o mundo sinta a aceptación e que eles mesmos non critiquen alguén sen saber realmente como é esa persoa.


 

O obxectivo parece que se está a conseguir, vendo o que nos transmiten os rapaces e rapazas que saen desta actividade: gustalles especialmente o obxectivo do obradoiro e a implicación dos profesores nun tema que esta a orde do día como é o acoso.


Ante a pregunta de que aprenderon neste obradoiro eles e elas responderon: “O que  aprendimos foi como hai xente que se viste doutro xeito e non ahi que xulgar a ninguén  pola sua aparencia, pola súa forma de vestir”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Despedida e peche

Velaquí xa o final do noso traxecto cultural e xornalístico. Tras a montaña de artigos publicados, tras todas as teclas soando ao seren puls...