mércores, 9 de abril de 2025

Un mundo de modas

Segundo a Real Academia Galega, a moda é o “uso ou estilo que manifesta a aceptación dunha determinada maneira de vivir, expresarse, vestir etc., por parte dun grupo máis ou menos numeroso, nun determinado momento ou época”. E precisamente diso trata esta Semana Cultural: das distintas maneiras de expresarse que hai no mundo, e nesta escola, todas elas variadas e únicas, todas elas merecedoras de ser contadas.


As modas levan existindo tanto tempo coma o ser humano, levan convivindo en harmonía connosco dende sempre, xa que todo, dalgunha maneira, son modas. Imos explicarnos.


No sector automobilístico, que goza de amantes por todo o mundo, marcou tendencia durante un tempo, por exemplo, a pintura mate, con innovadores tons; outro exemplo sería a moda do tunning, cando os coches levaban aleróns e outros adornos, querendo imitar a estética dos coches de carreira. E, cal é a moda actual? Hoxe en día atopamos aos coches poligonais que tan futuristas son á vista, como os famosos Tesla; ou, xa que de futuro falamos, os neo-retro, coches de natureza antiga combinada con estilo da vanguardia tecnolóxica; ou mesmo os SUV, que están tendo o seu momento de gloria, coches grandes, familiares, que ofrecen comodidade e confort non só á condutora ou condutor, senón tamén á xente que leve no seu coche.




E, que pasa se buscamos modas ou tendencias no cine? Pois atoparemos que os diferentes xéneros cinematográficos teñen cada un cadanseu momento de gloria. Como mostra de esto pensemos na época na que Psicosis creou o xénero slasher, nas que un asasino remata coa vida de adolescentes incautos; máis recente é o auxe que lograron as películas de superheroes, películas onde un malo malísimo pelexa contra un bo boísimo, (normalmente de orixe estadounidense), gañando sempre este último; ou o xénero aínda máis recente das películas distópicas, de temas variados, que buscan a representación de mundos sen esperanza nun futuro apocalíptico.




Cando pensamos en música, é indiscutible que houbo un grande cambio entre épocas: nos 60 houbo moita música de protesta, con cantantes como Bob Dylan ou John Lennon; despois, nos 70, outro galo cantou, un máis rockeiro, con grupos como Led Zeppelin; tras estes, nos 80, a música chamada punk tivo o seu momento de gloria, con xente como os Sex Pistols; ata chegar á música disco dos anos 90; ou posteriormente á latina, ao reggaetón, e á urbana, con fenómenos máis ou menos actuais como o rap e, en maior medida, o trap. Cada época ten a súa banda sonora de moda, dominante. 


 Bob Dylan
 Led Zeppelin
 Sex Pistols


E, se imos a un sector distinto, se miramos cara os videoxogos, veremos, así mesmo, modas, tendencias, nos distintos xéneros. Poñamos como exemplo os shooter en primeira persoa. Estes xogos estiveron moi de moda na década dos 2000 en adiante, marcados polo éxito de Call of Duty ou Medal of Honor, revolucionarios na súa época; ou atopamos os mundos abertos que tanto popularizou a saga GTA e que define a tendencia actual das grandes producións.



Pensamos, entón, nos móbiles, e non moito teremos que buscar: o smartphone leva xa un tempo marcando tendencia, cunha potente cámara e un grande tamaño; grande tamaño que non buscaban os teléfonos móbiles antigos, estes pretendían precisamente ser pequenos e sinxelamente portables, primaban a comodidade de poder levar sempre 

o móbil, por máis pequeno  que fora o peto, en lugar da versatilidade que propoñen os smartphones.

Incluso á hora de construír as casas nas que hoxe vivimos hai unha tendencia marcada: a das casas minimalistas de cor banco, cúbicas, que hoxe impregnan toda a paixase das cidades; ou o aumento de casas intelixentes, que nin se imaxinaban nos 2000. 




Con isto seguramente xa estará clara unha cousa, en calquera lugar no que miremos con detemento hai modas, hai tendencias marcadas polo éxito de quen as impulsou.

Nesta Semana Cultural a maioría de obradoiros basearanse na moda téxtil, pero tamén agocha sorpresas algún obradoiro que outro. O que é seguro é que o alumnado de primaria o vai pasar en grande e vai aprender un montón, como cada ano, sexa o tema que sexa, cun enfoque fundamentalmente práctico e interactivo, no noso fogar, a escola Martín Códax.


En conclusión, esta Semana Cultural representa a natureza humana mesma, porque as modas son intrínsecas á nosa maneira de pensar, e calquera de nós pode ter claro que esta vai ser unha semana para non esquecer.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Despedida e peche

Velaquí xa o final do noso traxecto cultural e xornalístico. Tras a montaña de artigos publicados, tras todas as teclas soando ao seren puls...