mércores, 9 de abril de 2025

Cara un mundo circular!

Se viaxamos cara ao pasado, como se fósemos arqueólogos, podemos reconstruír mundos pretéritos a partir da interpretación dos obxectos que imos atopando en xacementos de todo tipo. Grazas ao estudo de enterramentos antigos, de lugares onde ocorreron grandes batallas ou de construcións doutros tempos, sabemos de onde vimos, e podemos pensar cara a onde imos.


Que pensarán de nós os arqueólogos do futuro? A nosa sociedade produce unha cantidade inxente de produtos que a miúdo rematan en vertedoiros -legais ou ilegais-, no medio do campo, ou no fondo do mar. Plásticos, produtos tecnolóxicos, restos alimentarios, mobles, vehículos e un longo etcétera. E unha das industrias que produce máis desfeitos é a téxtil.



O cambio climático esta moi presente na ciencia actual e xa están a ser investigados os problemas que causan os restos da industria téxtil. En 2020 producíronse 109 millóns de toneladas métricas de residuos téxtiles, e para o 2030 espérase que aumente a 145 millóns; esta é a razón pola que se buscou unha solución para reducir este tipo de residuos no mundo: a reciclaxe.

 

A reciclaxe é un proceso cuxo obxectivo é converter residuos en novos produtos para reducir o consumo de nova materia prima, e o uso de enerxía e a consecuente contaminación do medio ambiente.

 

Debido a esta situación problemática cos residuos, na escola creouse un grupo que pretende concienciar e ensinar sobre a reciclaxe de roupa, gorros e gorras e tamén bolsas.

 

Para traballar sobre isto van facerse tres actividades:

 

A primeira consiste en coller roupa e reutilizala, e con ela van crear a súa propia marca de roupa á última, pero sostible.



A segunda trátase de facer uns xogos aos cativos cos que poidan aprender ademais de divertirse, estes son: un trivial, no cal aprenderán cousas curiosas sobre a reciclaxe da roupa. Unha oca na que aprenderán as consecuencias da moda rápida. un memory de prendas de roupa e unha explicación do percorrido da roupa nun mural; os problemas que causa e como evitalos.

 

A terceira trata de usar a chamada técnica do Tie Dye: a cal consiste en tinguir as prendas de roupa de fibras naturais cun tinte creando así formas e cores.



 

Todo isto faise para que os cativos tomen conciencia e aprendan a dar unha nova vida á roupa que xa non usan. O plan para facer isto é o seguinte: primeiro van mostrar unha presentación tentando aclarar a importancia de reciclar e preservar o medio ambiente; a continuación van xogar aos catro xogos creados a partir de prendas recicladas, e para rematar repartiranlles aos nenos e nenas camisetas ou bolsas feitas con roupa reciclada co logo da súa propia marca que poderán tinguir.

 

Este obradoiro vai dirixido aos nenos e nenas de quinto e sexto de primaria. Para facerlles reflexionar sobre a importancia da reciclaxe en xeral, e do téxtil en particular.

 

O obxectivo parece que se está a conseguir, vendo o que nos transmiten os rapaces e rapazas que saen desta actividade: gústalles especialmente o labor de tinguir roupa coa técnica do Tie Dye, ademais de que realmente amosan unha concienciación crecente co tema da reciclaxe.



Ante a pregunta de que aprenderon neste obradoiro, eles e elas responden: “Aprendemos a reutilizar a roupa e a darlle unha segunda vida, e que se poden facer cousas moi útiles coa roupa vella”, ademais de sairen moi concienciados ante a crise medioambiental que está a suceder por mor destes residuos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Despedida e peche

Velaquí xa o final do noso traxecto cultural e xornalístico. Tras a montaña de artigos publicados, tras todas as teclas soando ao seren puls...