mércores, 9 de abril de 2025

A tecnoloxía dos teares

Antes da creación dos teares, as persoas tiñan que valerse da caza, concretamente das peles dos animais para fabricar as prendas de roupa que ían usar; depender da caza de animais tiña certas limitacións, xa que se se pasaban cazando non quedarían animais. Ao inventarense os teares, a caza deixouse, en boa parte, de lado como maneira de fabricar vestimentas, e comezaron a usarse as teas, que eran materiais máis sostibles.

 

Na aula de tecnoloxía sempre se levan á práctica proxectos dos máis variados tipos, dende facer un coche funcional co seu motor e o seu sistema de cableado; unha estrutura de forma triangular composta por tubiños de papel (un material feble, en principio) co propósito de aguantar o máximo peso posible; un guindastre feito con madeira e pedras (para facer de contrapeso) que ten que erguer 1.75 kg; e un longo etcétera. Este ano na semana cultural non vai ser menos: Rosiña e o seu alumnado de primeiro e segundo de ESO ofrécennos falar dun tema moi interesante, os tecidos e os instrumentos cos que se tecen.

 

O equipo está formado por un grupo de alumnos e alumnas que non se coñecen moi ben, e para traballaren xuntos téñense que coñecer entre eles, xa que traballar con alguén que non coñeces pode chegar a ser difícil. Rosiña arranxa este problema facendo unha serie de dinámicas onde o alumnado (moi disposto a participar) comparte afeccións, comidas favoritas, ou preguntas simples, todo isto co propósito de coñecer o grupo e establecer un ambiente de confianza entre compañeiras e compañeiros. Despois dun tempo con estas dinámicas, crearon os grupos de traballo e puxéronse mans á obra.

 

Para tecer temos que ter teares, e para ter teares precisamos fabricalos.

 

Os rapaces e rapazas comezaron a construír uns teares de madeira, os cales queren utilizar para fabricar obxectos variados con fíos, como bolsos para levar as pertenzas, cadros para decorar calquera muro da nosa casa, ou marcapáxinas para que non perdamos en que parte do libro estamos. Tamén mercaron una máquina chamada “Tricotín”, que lles axuda á creación duns churriños también feitos de fíos.

 

 

Pero en primeiro lugar, como construíron estes teares? Pois simplemente cuns poucos materiais  e moita maña. A base dos teares é a madeira, que miden, cortan e lixan para crear o marco inicial; repetirán este proceso para crear un segundo marco onde van os cravos, que cumpren a función de suxeitar uns fíos que posteriormente serán unha peza clave para a creación dos obxectos de la.

 

E que crean? Pois un abano de obxectos feitos para que os rapaces os leven para a súa casa. Van dende sinxelos adornos ata outros un pouco máis complexos de crear. No primeiro dos casos podemos atopar os clásicos pompóns, feitos enroscando fíos ao redor de dous cartóns circulares; cando os tes cubertos córtanse pola metade e voilà, xa tes o pompón. Por outra banda, fan uns cadros de fíos. Para a súa creación, vaise capa por capa utilizando varias cores para dar forma ao cadro, que representa escenas naturais, como por exemplo unha paixase montañosa; e para rematar créanse nomes coa axuda do tricotín e os seus churriños, nos cales meterán arame e moldearanos para poder facelos. 

 


A diversión e o bo trato están moi presentes no Obradoiro: o alumnado desfruta moito co traballo manual e a manipulación de materiais. Ao traballaren en grupos máis pequenos pódense facer máis cousas e axúdanse entre eles, o bo trato non é so entre eles, se non tamén co material que lles subministra Rosiña, que o coidan e usan con moito agarimo.

 

 

Como podemos ver, o uso da tea non se limita só ás prendas: pódese usar para máis cousas como os pompóns, os cadros e os nomes feitos con la. Isto é algo creativo e definitivamente moi interesante, que o alumnado poida usar os teares (coa axuda dos responsables do obradoiro) para que o obradoiro sexa una experiencia gratificante para o alumnado.

 

Á saída deste obradoiro, o equipo de prensa achegouse aos nenos para saber sobre a súa experiencia e opinión. Preguntamos se lles gustou e por que; que opinión tiñan da profesora e alumnos que traballan neste obradoiro; que lles aportou; ou se repitirían.

Estas preguntas foron respondidas por dous alumnos de cuarto de primaria. O primeiro alumno tivo unha experiencia positiva, destacando unha forma de explicar clara, detallada e con sumo coidado do alumnado de ESO cara ao alumnado de primaria; por outra banda este rapaz tamén destacou a creación de pompóns. A segunda alumna sacou conclusións moi similares, esta vez destacando as manualidades en xeral e a axuda que proporciona o alumnado de ESO para a creación dos obxectos feitos de la, que era unha das actividades máis difíciles. Ambos rapaces concluíron que a experiencia era moi gratificante e que a repetirían se tivesen a oportunidade.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Despedida e peche

Velaquí xa o final do noso traxecto cultural e xornalístico. Tras a montaña de artigos publicados, tras todas as teclas soando ao seren puls...