A quen non lle gusta que lle conten historias? Todos medramos con elas, de pequenos eran contos como o de Carapuchiña Vermella, os Tres Porquiños, o Patiño Feo, etc. As historias son necesarias na nosa vida, axúdannos a viaxar por outros mundos e a traballar a nosa imaxinación, a medrar.
O teatro tamén conta historias, historias emocionantes, tristes, cómicas… de todo tipo; historias reais, historias inventadas, historias diferentes. Que tal un obradoiro de teatro entón? Un obradoiro no que a xente poida divertirse e xogar os roles dos diferentes personaxes á vez que entreteñen o seu público, un obradoiro no que descubras mundos e maneiras de pensar distintas. Este obradoiro trata diso, de contar unha historia de maneira excepcional.
Este estupendo elenco de actores e actrices traballa a dramaturxia na escola: os seus integrantes están a facer unha obra de teatro. O texto podémosllo agradecer á nosa estupenda coordinadora de dramatización, Alicia Ojea, quen pasou o traballo de analizar e coñecer cada un dos integrantes do obradoiro para adaptar a obra de maneira correcta e equitativa. Tamén se fixo cargo dun traballo moi importante, xa que para facer unha representación antes hai que traballar diversos aspectos relacionados co corpo, a voz e a concentración:
Alicia elaborou diferentes xogos e exercicios para traballar todos estes aspectos, como conversas sobre a marcha para aprender a improvisar, recitar frases longas e complicadas mentres un se move polo espazo, maneiras de perder a vergoña e moito máis.
Non cómpre dicir como (un bo xornalista nunca revela as súas fontes) pero conseguimos unha copia do incrible guión da obra. Aínda que é posible que a versión definitiva presente algún cambio, xa temos unha idea xeral do que vai ser a peza teatral. Polo que puidemos saber, a representación trata sobre uns adolescentes que van a ir a un concerto das Fillas de Cassandra e queren ir á moda; acaban desviándose do tema e comezan a falar sobre as Cantareiras, ás que lles adicamos o Día das Letras Galegas este ano. Para informarse sobre elas, buscan en internet. De súpeto, aparecen unhas IA’s que non rematan de ofrecer unha información axeitada ao seu propósito. Podemos ver aquí unha crítica ao modo en que funciona o mundo das tecnoloxías?
Toda vez que os actores e actrices saben de que vai a cousa, só lles queda practicar, practicar e practicar! Alicia corrixe os erros e os despistes, centrándose en que a obra sexa a mellor das mellores, utilizando o atrezzo axeitado, a vestimenta correcta e os movementos perfectos polo escenario, deixando que os representantes lle dean o seu toque persoal.
Sabedes que? A obra é un éxito! Conseguen manter a atención da rapazada de primaria, e ainda que ás veces xorde algún que outro problema técnico, sácanno adiante e todo sae como fora previsto. Pódese ver o desfrute tanto do público como dos actores e actrices nas súas caras, en como fan as cousas, en como interactúan entre eles… Todo sae ben.
Preguntamos as persoas que participan no obradoiro -dirección, espectadores e actores- e isto foi o que nos dixeron:
“Ben, estupendos, déronme moito traballo pero polo demáis saiu moi ben” di Alicia, a directora da obra.
Dani, un dos actores, asegura: “É a obra máis difícil que fixen na miña vida”; e Sabela, outra actriz, opina: “Estivo ben, é divertida, está organizada e ben repartida”.
Unha profesora -Ruth- que asistiu á representación di que a obra é “espectacular, fora do normal, non chorei porque levaba o ollo pintado, senón miña nai!”
Por último, a rapazada contounos a súa opinión: “É moi boa”, “Foi chula e interesante”, “Mola moito”.
Parece que está causando moi boa impresión. Gran traballo!

Ningún comentario:
Publicar un comentario