Como vestía a xente en épocas anteriores á nosa? Como de cómodas eran as roupaxes romanas? E as gregas? E as exipcias? Como se peiteaban? Como se maquillaban? Que xoias levaban? Que produtos utilizaban? Estas son algunhas das preguntas que nos facemos, e pronto coñeceremos as súas respostas.
Este obradoiro, como o seu propio nome indica, trata de entender a evolución da moda a través dos cadros, pinturas e obras de arte de diferentes séculos, buscando as características de cada época a través do vestiario, da forma de maquillarse, do peiteado, etc.
Este traballo está dirixido aos nenos e nenas de primeiro e segundo de primaria, un público bastante complicado polos seus reducidos tempos de atención, pero os encargados do obradoiro están seguros de que con esforzo e as técnicas axeitadas todo é posible.
Nas primeiras sesións de traballo formaron distintos grupos nos que fixeron unha chuvia de ideas para buscar actividades concretas para o alumnado ao que vai dirixido. Pretenden ensinar a súa información de maneira práctica, dinámica e divertida, con crebacabezas, xogos de mesa e presentacións coloridas e animadas. Incluso deron a idea de facer un desfile de moda coas tendencias desas épocas! Incrible, verdade?
Para o inicio deste marabilloso obradoiro un grupo encargarase da súa presentación, na que utilizarán unha liña temporal coa que darán o contexto teórico sobre todas as obras de arte coas que se traballa no taller.
Hai dous xogos de mesa plantexados: uns cantos crebacabezas e un trivial.
Nos crebacabezas o obxectivo é xuntar pezas con formas diferentes para dar lugar a varios cadros, como o Matrimonio Arnolfini de Jan Van Eyck ou a Infanta Isabel de Alonso Sánchez Coello.
No trivial, o xogo consiste en mirar un cadro durante un tempo determinado e despois describilo e contar -recordar- algúns dos seus detalles, ofrecidos ao principio da sesión; se se acerta, os xogadores poderán seguir avanzando polo taboleiro.
Outro grupo encárgase de crear versións modernas de xoias antigas atopadas na tumba de Tutankamón, como medallóns con escaravellos deseñados por eles mesmos, que o alumnado de primaria completará usando pequenas contas -macarróns- coloridas para facer colares que poidan levar para casa; tamén deseñan coroas, baseadas en xoias medievais de ouro, feitas de gomaeva, por exemplo.
Por último, un grupo deseñou un xogo interactivo que consiste en que os participantes deben vestirse nun tempo determinado con roupa da época que se lles diga, cando ese tempo remate, os cativos desfilarán por unha pasarela mostrando os seus conxuntos uns aos outros. O alumnado que fai a actividade cose e deseña a roupa e os accesorios para o xogo, mentres que tamén proporcionan aos participantes fotos e cadros da época da que se lles dixo que tiñan que vestirse, para que os poidan utilizar como inspiración.
Polo que podemos ver nestes momentos, o obradoiro esta dando bastante xogo a todos, tanto os que o organizan como os que asisten a el o están desfrutando a moreas!
“Está saíndo moi ben, está sendo un éxito, os pobres nenos acaban cansos de tanto xogar” di Vane, unha das profesoras que organiza as actividades, e parece ser que os seus traballadores están dacordo con ela: “Está saíndo ben, aos nenos lles custa entender as cousas ao principio, pero aprenden rápido” di un deles; e por último aos propios rapaces e rapazas de primaria lles gusta un montón: “É moi divertido, o que máis me gusta é o de desfilar na pasarela”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario