Falemos un pouco sobre o nome deste obradoiro. Calquera persoa do século XXI sabe que é un influencer, pero quizais non todo o mundo saiba que é unha fiada ou un fiadeiro. Antigamente as mozas e mozos reuníanse nas longas noites de inverno para fiar o liño, é dicir, para converter unha simple herba nun fío que permita confeccionar roupa. Nestas xuntanzas contábanse contos, cantábanse cancións tradicionais e rematábanse cun baile. Co tempo, o traballo de fiar foise perdendo, pero o costume lúdico desas reunións á noitiña mantivose no tempo e así xurdiron as foliadas, onde o ritmo de pandeiros e pandeiretas é protagonista.
Tradicionalmente os fiadeiros comezaban o día de Todos os Santos e remataba co Martes de Entroido.
Calquera que camiñe polo mundo cos ollos abertos e cunha mínima capacidade crítica pode darse conta de que os valores estéticos son cíclicos, van e volven. Un claro exemplo disto podemos atopalo no ancho das perneiras dos pantalóns, pitillo ou campana segundo as épocas; o retorno das boinas; os estampados que voltan, como o estampado de cadros ou o animal print.
Se falamos de traxe tradicional, no caso da cultura galega, todo o mundo é capaz de imaxinar de que se trata: esa roupa que se usaba por toda a xeografía galega durante o século XIX e que actualmente podemos observar en actuacións e recreacións de grupos folclóricos ou etnográficos. Ben diferente era aquela forma de vestir á que temos hoxe en día. Pero non todo vai ser un extremo ou o contrario. Tanto na vestimenta como noutros aspectos da cultura galega, vivimos un momento en que se está a misturar a cultura tradicional coa vida moderna. Trátase da corrente comunmente coñecida como neotradi, que nos permite desfrutar de todo o que gusta da vida moderna sen perder de vista o noso pasado cultural. Para adentrármonos un pouco máis no neotradi imos falarvos de algunhas tendas que venden roupa e accesorios baseados na roupa tradicional galega:
En primeiro lugar imos falar do Obradoiro de Costura Saiáns, dirixido por Patricia González Iglesias. Neste orixinal proxecto atoparemos roupa de todo tipo, dende gorras ata saias, camisas ou pantalóns. Aínda que se trata dun pequeno obradoiro de costura, as prendas que de aí saíron puideron verse en actos tan exclusivos como pode ser a gala dos premios Goya ou outros actos institucionais onde persoas recoñecidas da sociedade galega luciron con orgullo as súas prendas.
Outra tenda neste caso de xoiería con estilo neotradi é Silvereira, onde teñen xoias de prata e madeira, fundada no ano 2000 en Santiago de Compostela por Juan, Marta, Carlos, Sara e Jose. Teñen xoias inspiradas na xoaiaría tradicional galega ou nos estampados dos panos tradicionais.
A última empresa da que vos imos falar seguindo a temática neotradi é a de Eferro, dirixida actualmente por Elena Ferro, pero cunha traxectoria de varias xeracións. Este proxecto nace dun pequeno taller de construción de zocos que conseguiu reinventar este calzado nun momento en que estaba condenado á desaparición, para crear obxectos de deseños moi novidosos que poden ser vistos tanto na rúa a diario como en pasarelas de moda. Esta empresa recibiu o Premio Nacional de Artesanía en 2019.
Pois no colexio Martín Codax non iamos ser menos: a nós tamén nos gusta a roupa tradicional, e queremos darlle unha visión nova, diferente, orixinal... diso precisamente trata o obradoiro dirixido por Iria e Jorge, profesores do primeiro ciclo de secundaria. É un obradoiro que nos fala sobre como a roupa tradicional galega se pode traer a actualidade.
A preparación deste Obradoiro consistiu en varios grupos facendo diversas actividades. Un grupo de rapazas e rapaces de 1º e 2º de ESO preparou unha presentación sobre a moda antiga, tanto masculina como feminina. Cóntannos como eran as prendas máis recoñecidas na muller: o dengue, o mandil, a cofia, ou o xustillo.
En canto ao home, fálannos da camisa, a cirola, o chaleco, as chaquetas ou a monteira.
Hai outro grupo, tamén dos mesmos cursos, recortando os bonecos de cartón para que os nenos poidan pintar e debuxar a roupa que ten que ter inspiración tradicional. Estes bonecos irán para a casa de cada neno ou nena que visite a actividade.
Outra actividade que se pretende facer no obradoiro é unha especie de desfile, vestindo os nenos e nenas de primaria con roupa que fixeron.
O obradoiro remata cun baile galego que lles ensinan aos nenos e todos e todas o bailan.
Aos nenos e nenas de primaria gústalles moito este obradoiro. En xeral o que máis lles gustou foi o desfile dos nenos, nos que se vestían con prendas como o dengue; tamén houbo moitos nenos que nos dixeron que o mellor foi cando debuxaron a roupa dos bonecos de cartón (os cales levan para casa).
Sobre o que aprenden o máis repetido por eles e elas son os nomes e o tacto das teas.



Ningún comentario:
Publicar un comentario