martes, 8 de abril de 2025

Comeza a aventura! Benvidos á Semana Cultural!

Benvidos e benvidas:


O pasado día 22 de xaneiro comezou, como todos os anos, a preparación da tradicional Semana Cultural no colexio Martín Codax.

Pero, como xurdiu esta tolemia informativa que vivimos unha vez ao ano nesta escola?

Este evento comezou a mediados dos noventa, malia que no principio era unha actividade distinta:

Nesa época, organizábanse charlas con diversos profesionais, que viñan á escola a falar dos seus oficios, investigacións ou falar dalgún libro salientable.

Pouco a pouco, da man de Isabel, a que era a profesora de galego por aquel entón, este conxunto de actividades foise convertendo na “Semana das Letras”, adicada á arte, a música, a literatura -e tamén a pasalo ben-, pero, sobre todo, a falar do mundo en galego, para non deixar morrer a nosa identidade. A primeira diferenza con respecto ás xornadas habituais era que, tanto á hora de entrar no colexio como á hora da saída, en lugar da sirena carcelaria característica dos colexios, soaba música. Organizáronse charlas con profesionais de diversos campos, dirixidas a alumnado de todas as idades, sendo os que máis se involucraban os alumnos de sétimo e oitavo de EXB. Como exemplo das persoas que nos visitaron naquela época temos nomes como Pepe Carreiro, historiador e debuxante; Xosé Anxo Xesteira, xornalista e escritor; Jordi Sierra i Fabra e Xosé Neira Vilas, famosos novelistas; ou Kiko da Silva, debuxante de cómic. Nesa semana, había diversos obradoiros: de banda deseñada, de literatura, charlas e arte.

Preto do ano 2000, o profesorado das materias científicas e tecnolóxicas de cuarto de ESO decidiu sumarse a este evento, que pasou a chamarse “a Semana Cultural”, que daquela se distribuía entre as actividades de índole literaria que xa se viñan facendo e outras novas, do ámbito científico, conducida polo profesorado das materias de ciencias. Estaba organizada por voluntarios de cuarto de ESO que traballaban polas tardes, fóra do horario escolar. Contaban con todo o tempo que necesitaran para preparalo, aínda que a hora de expoñela ao alumnado de primaria, esta só duraba tres días, pois ían a unha aula onde podían tocar o material que os voluntarios prepararan. A principal actividade da primeira Semana Cultural, no ámbito científico, foi un sistema solar teatralizado, onde un alumno disfrazado de Isaac Newton, e outras persoas disfrazadas cada unha dun planeta do sistema solar e do sol, representaban as órbitas dos diferentes astros, mentres o profesor Newton lles contaba ao público diversos datos sobre o noso sistema.

Ano tras ano fóronse incorporando profesorado e alumnado doutros cursos ata chegarmos á situación actual, onde todo o alumnado de secundaria participa, dunha maneira ou doutra, nesta loucura de semana.



Este ano, os obradoiros están adicados ao mundo da moda, pero non só á moda téxtil, senón á moda en todos os seus sentidos, como un impulso do ser humano para formar parte dun grupo, dende a roupa para as nosas mascotas, pasando pola moda no antigo Imperio Romano ou no mundo da xoiería e complementos, ata persoeiros que influíron neste apaixonante mundo.

Sen dúbida os obradoiros de este ano van ensinarnos moito, e para que non perdades nada estamos nós, as 19 integrantes do equipo de xornalismo, que imos intentar informar, o máis obxectivamente que poidamos e saibamos, de todo o que aconteza na escola durante estas semanas, cunha información seria, sincera e veraz.

Unha aperta,

O equipo do Obradoiro de Xornalismo 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Despedida e peche

Velaquí xa o final do noso traxecto cultural e xornalístico. Tras a montaña de artigos publicados, tras todas as teclas soando ao seren puls...