Seguro que na vosa xuventude levabades roupa un pouco ridícula só porque estaba de moda. Por iso mesmo temos unha pregunta para vós: queredes entender a vestimenta dos vosos fillos? Se queredes, seguide lendo, e se non, ata logo Mari Carme.
Primeiro unha breve explicación un pouco seria, pero necesaria, para dar cumprida resposta á vosa dúbida.
A moda téxtil é un termo usado para describir a creación de prendas de diversas culturas e representar distintos estilos á hora de vestir. A palabra moda vén do francés “mode” e este do latín “modus”, que significa maneira ou medida.
As tendencias levan presentes na nosa realidade dende os albores da humanidade. Sempre houbo modas que marcaron as distintas xeracións, vexamos algo de historia:
No antigo Exipto (que imaxinamos que non vivistes) a moda era levar roupa lixeira e con transparencias, segundo a revista National Geographic.
En Grecia a vestimenta dependía das distintas clases sociais: a única que se coñece é a que afectaba á clase alta xa que eran os que aparecían máis nas obras de arte. Os homes levaban taparrabos, unha capa, sandalias e incluso, ás veces, un tocado. As mulleres ían practicamente cubertas enteiras.
Na antiga Roma a vestimenta tamén dependía moito das clases sociais. Nos primeiros tempos vestían con togas, debaixo levaban unha túnica que adoitaban cinguir cun cinturón. Despois modificaron a vestimenta e admitiron a túnica ancha con mangas.
Agora imos falarvos de modas máis próximas, comezando pola moda de comezos do século XX, por volta do ano 1910.
Nesa década a moda estaba moi influída polo ballet ruso e a estética oriental. As cores dos traxes eran de tons pastel e baseábanse en conxuntos de saia e chaqueta.
Na década dos 20 a vestimenta comezou a cambiar, xa que algunhas mulleres de clase media-alta ou alta, por pertencer a unha familia adiñeirada, tiñan máis cartos e podían pagar os vestidos máis caros como os de Chanel, que eran os que estaban máis de moda naquel momento.
No 1950, tras o final da II Guerra Mundial, pouco a pouco todo volveu á normalidade; denomínaselle o renacer da moda e da beleza xa que remataron os anos de sufrimento. As mulleres gañaron liberdade e as tendas comezaron a impoñer tendencias.
Os traxes das mulleres baseábanse sobre todo en vestidos que podían ser cinguidos ou levar a saia acampanada resaltando a cintura. Comezaron a aceptar que as mulleres levasen algúns tipos de pantalóns. Tamén conxuntaban moitos accesorios co seu look.
1960 veu pisando forte rompendo moitas tradicións na moda. Popularizáronse as minisaias, os sombreiros tipo pastilleiro, as cores neón e o contraste de estampados. Tamén impactou moito a tendencia de moda hippie.
En 1980 houbo unha rebelión (pacífica) contra o movemento hippie das década anterior, comezou o estilo punk, a roupa cara e os accesorios de moda. Con todo, o que máis destacou desta época foi o aerobic e o xurdimento da roupa deportiva, feita con novos e tecnolóxicos materiais.
No 1990 e no 2000 a moda foi bastante semellante. Comezaron a levar roupa máis parecida a actual, xa que non hai tantos anos de diferenza. O metálica era unha tea que destacaba moito nesa época igual que o estilo “boho-chic”, que se baseaba sobre todo en levar pantalóns vaqueiros de tiro moi baixo e tops moi curtos. A finais dos 2000 a roupa foi máis parecida á dos anos 80 e 90, xa que as mulleres levaban chándales de veludo e roupa con estampados de animais, o famoso “animal print”, mentres que os homes enfocábanse máis en vestir con chaquetas de coiro ou zapatos Converse, Vans ou botas moteiras. As marcas con máis infuencia neses anos eran por exemplo Von Dutch, Ed Hardy e Juicy Couture. Podían levar dende os looks mais cómodos como prendas anchas e botas Ugg ata conxuntos máis atrevidos con lentexoulas, minisaias, chalecos, tacóns ou lentes de sol.
Na moda non só é importante falar de como cambiou durante os anos, senón tamén das pasarelas ao longo dos anos, xa que influenciaron moito as persoas dende hai tempo. As pasarelas existen dende o 1800, malia que a súa orixe a atopamos nos salóns de alta costura en París. Debemos a súa creación a Paul Poiret.
Dentro do mundo das pasarelas, unha das marcas máis coñecidas por a importancia dos seus eventos foi Victoria’s Secret, que vende moita variedade de cousas, principalmente roupa interior feminina.
A súa primeira pasarela foi o 1 de agosto de 1995 e se celebrou no Hotel Plaza de Nova York.
Algunhas das modelos máis famosas que participaron nestes shows foron por exemplo Adriana Lima, Bella e Gigi Hadid, Alessandra Amrosio, Candice Swanpoel, Gisele Bündchen, Kate e Lila Grace Moss, Heidi Klum, Naomi Campbell, entre outras.
Agora que xa vos falamos das modas nas distintas épocas e das pasarelas xa podeches ver como cambiaron as modas ao longo de tempo e seguro que ao ler pensáchedes que algunhas destas modas, a ollos actuais eran moi tolas, entón compre que entendades aos vosos fillos, a roupa que lles gusta vestir, do mesmo xeito que nós, as novas xeracións, entendemos como foron as modas nos vosos tempos. Temos que dicir que investigando puxemos algunhas caras de sorpresa, entón podemos entender as caras que poñedes vos agora ao ver aos vosos fillos vestidos coas modas máis tolas de cada ano.
Todo son modas, asi que citando a Barbie, tí podes ser o que queiras!




Ningún comentario:
Publicar un comentario