venres, 11 de abril de 2025

As voces da escola

Antigamente, a información chegaba a través de navegantes, mercadores, e tropas do exército e vendíase a señores feudais, grandes negociantes e xefes militares. En Inglaterra, Eduardo III e Enrique VI, tiñan redactores de noticias que lles transmitían valiosa información en tempos de guerra. Estas situacións poderíanse definir como un tipo de xornalismo primitivo.

 

 

O xornalismo, tal e como o coñecemos hoxe, remóntase ao século XV. A aparición da imprenta permitiu o nacemento do xornal, actualmente moi estendido grazas ao crecemento da tecnoloxía e do comercio. A palabra xornalismo toma a súa orixe na palabra xornal, que á súa vez provén do latín diurnal (“do día”). Esta palabra- xornalismo- é a actividade profesional que consiste na obtención, investigación, tratamento, análise  e difusión da información a través dos medios de comunicación. 

 

A base do xornalismo é a noticia, á que se suman outros xéneros xornalísticos como a enquisa, a reportaxe, a crónica, o documental e a opinión. 

 

Durante a Semana Cultural, un grupo de alumnas e alumnos de terceiro e cuarto de ESO quixemos embarcarnos na interesante -pero dura- tarefa de manter informada a toda a comunidade do Martín Codax (e non so) do que se está a cociñar dentro dos muros da escola. Neste obradoiro tratamos de informar empregando diversos xéneros informativos, entre os cales están a noticia e a reportaxe. Aquí organizámonos por parellas e a cada unha delas asígnansenos dous obradoiros sobre os cales temos que investigar, traballar, redactar e publicar, para que todo mundo estea informado do que se fai nesta edición da Semana Cultural do Martín Codax. Para iso visitamos o resto de obradoiros e preparamos os artigos sobre cada un deles, que son posteriormente publicados nun blog público en internet e no Facebook da escola.

 


Na nosa propia opinión é un traballo que require de moito sacrificio, tempo, paciencia e forza de vontade para non tirarse das orellas, pero que á súa vez recompénsase cunha gran satisfacción cando ves os artigos publicados.

 

Esperamos que teñades seguido o noso traballo e que vos entretivese durante todo este tempo. Moitas grazas por estar aí. Ata o ano que ven!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Despedida e peche

Velaquí xa o final do noso traxecto cultural e xornalístico. Tras a montaña de artigos publicados, tras todas as teclas soando ao seren puls...